Trátase da D.O. máis pequena de toda España. Con 450 ha. de territorio abrangue tan só catro concellos. Xeograficamente, atópase situada ao sueste da provincia de Ourense e moi preto da fronteira con Portugal. A súa proximidade á autovía das Rías Baixas, na mesma entrada de Galicia, pon a este territorio nunha situación con todas as vantaxes no que se refire a accesibilidade.
Esta Denominación abarca os concellos de Monterrei, Oímbra, Verín e Castrelo do Val, establecéndose dúas subzonas claramente diferenciadas:
Subzona Val de Monterrei.
Subzona Ladeira de Monterrei.
A Denominación de Orixe segue medrando ano a ano; de tal xeito que se vai aumentando tanto o número de produtores-viticultores como o de elaboradores-embotelladores. Na actualidade a produción total da D.O. rolda os 1,5 millóns de quilos de uva. O 65% da uva recollida é uva branca nas súas variedades de Godello, Treixadura e Dona Branca. O restante 35% é uva tinta das variedades Mencía, Bastardo e Arauxa (Tempranillo).
Os viños brancos son lixeiros, aromáticos, de cor amarela dourada ou pallosa, cunha graduación alcohólica media próxima aos 11 graos, plenos, saborosos, equilibrados en acedume e aceptable retrogusto. Mentres que os tintos se caracterizan por ter cor púrpura, agradable aroma a froitas, lixeiros e con bo equilibrio alcohol-acidez, con grao alcohólico algo inferior ao dos brancos e cun toque de xuventude que os fai apetitosos ao consumidor.