Crea a túa ruta
Eventos do Mes
L
M
M
X
V
S
D
  1 2 3 4 5
6 7 8 9 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24 25 26
27 28 29 30   
Hoxe é 19 de Novembro do 2017
Actividades destacadas
Temas Frecuentes
Ruta do Viño Monterrei > Patrimonio Histórico

Patrimonio Histórico

Un percorrido pola comarca de Monterrei lévanos a atopar diferentes tipos de exemplos arquitectónicos dunha época pasada chea de romanticismo e historia. Numerosos vestixios proban a presenza nestas terras dos romanos. Proba disto son os restos da calzada romana que xuntaba as vías XVII e XVIII do itinerario Antonino.

A calzada parece tratarse dunha vía paralela á coñecida como Vía do Támega (Chaves – Ourense – Lugo), que iría dende Chaves a Xinzo de Limia, case en paralelo coa anterior pero máis ao oeste. Pódese considerar un ramal da famosa Vía da Prata que dende Córdoba chegaba ata Compostela.

Vía da Prata

Catedral de Santiago de CompostelaÉ o camiño xacobeo galego de maior percorrido. Pasa por terras das provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, cruzando espazos naturais de gran beleza, cun rico patrimonio cultural e ecolóxico. Procedente de Andalucía e Estremadura, entra en Galicia polas Portelas do Padornelo e da Canda, pasa polo sector setentrional do val de Monterrei e da Limia ata chegar a Ourense. Nesta cidade conflúen esta Vía da Prata e algúns dos camiños portugueses interiores, que chegan a Galicia polos vales da Limia e do Támega. Este camiño coñécese, no treito final, como camiño ourensán.

Ademais da pegada romana, a Ruta da Prata representa outros valores históricos: foi empregada polo comercio de prata americana chegada aos peiraos de Sevilla, tratouse dunha ruta transhumante moi importante e, ademais, foi o itinerario de expansión do reino medieval de Galicia-León cara ao sur, na segunda metade do século XII e na primeira do XIII. Dende un punto de vista xacobeo, a Ruta da Prata comezou a recuperar certa importancia nos últimos anos, sobre todo na medida que se sinalizou.

Castelo de Monterrei

Castelo de Monterrei

Posteriores á presenza romana nestas terras resultaron ser as invasións de pobos xermánicos, dos que a poboación natural se defendeu empregando os castros. Vivíronse épocas convulsas no Concello coas posteriores invasións árabes e a reconquista. A importancia da zona en xeral debeuse ao seu carácter fronteirizo. Por este motivo, dende o século XII, viviuse a puxanza do termo de Monterrei.

O pazo-fortaleza de Monterrei atópase na parroquia de Santa María, a 72 quilómetros de Ourense. Este monumental conxunto fortificado, no que se asentaron as linaxes dos Ulloa, os Zúñiga, os Viedma, os Fonseca, os Acevedo e os Duques de Alba, foi enclave estratéxico dende a Idade Media na fronteira con Portugal. O castelo foi construído no século XII por Afonso Henríquez, neto de Afonso VI, e adquiriu importancia no XIV con Pedro I O Cruel.

A fortaleza foise adaptando a diferentes estilos ao longo da súa historia. O máis destacado do castelo é, sen dúbida, a Torre da Homenaxe, que foi construída no século XV, en tempos dos Reis Católicos, por D. Sancho Sánchez de Ulloa, primeiro Conde de Monterrei.

O estado do castelo é bastante bo. No seu interior consérvanse aínda hoxe os ornamentos que se foron engadindo cos distintos estilos artísticos. Polo seu gran valor e beleza o castelo de Monterrei foi convertido en Monumento Nacional.


Castelo de Monterrei