O Entroido é unha festa na que os ritos e as cerimonias se mesturan: poñerse máscaras, comer "do porco" (degustar todo tipo de produtos relacionados coa matanza; chourizos, carne e outros), botar fariña, queimar os Entroidos, o Meco, cambiar o carácter durante uns días, cambiar os roles sexuais, etc... Buscar un equilibrio no exceso fronte ao desequilibrio que supón o respecto á penitencia cuaresmal.
A máscara máis característica e arcaica da Comarca de Monterrei é a do Cigarrón no val de Verín. Consta esta máscara dunha carauta de pau traballada en madeira e pintada de xeito que nela resalten as cellas, as sonrosadas meixelas, amplo bigote, cínico sorriso mostrando a dentadura e barba falsa.
A lenda descríbeo como cobrador de impostos ou levantador de caza dos Condes de Monterrei, señores do val de Verín e de boa parte da provincia de Ourense no antigo réxime. A súa orixe real segue sendo enigmática e indescifrable para cantos investigadores pretenden desvelar o seu pasado. No Entroido de Verín cada día é unha sorpresa, é algo diferente, cada día co seu propio significado. Pero o que caracteriza ao Entroido de Verín é a “retranca” e a participación comunitaria dos veciños de toda a comarca e de visitantes chegados alén destas terras.
