As excelencias dunha zona marcada pola produción dun dos mellores viños galegos xa poden coñecerse a través da rede grazas a un proxecto de gran transcendencia no que, accedendo a www.rutadoviñomonterrei.com o usuario disporá de completa información para visitar o berce vitivinícola de Monterrei.
Desde unha perspectiva turística, na que a cultura do viño se alza como protagonista, esta web permite á bela zona de Monterrei, e localidades próximas, explotar un sector en auxe, o enolóxico, que aproveita o contacto coa natureza, a historia e a tradición á vez que se enxalza a calidade dun caldo, o de Monterrei.
Este proxecto, cofinanciado polo Feder, responde a un Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España–Portugal no que se inclúen as cinco denominacións de orixe galegas (Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras) xunto coa D.O. Vinhos Verdes das veciñas terras lusas. O obxectivo deste ambicioso proxecto céntrase en promocionar e mellorar a competitividade da industria vitivinícola así como o desenrolo do enoturismo.
Neste portal web atopará un completo listado de actividades e lugares que non poderá deixar de visitar, dispoñendo de datos precisos de socios e establecementos adheridos para proporcionarlle todas as facilidades á hora de programar a súa viaxe.
Patrimonio cultural cos característicos Entroidos de Verín, histórico como o castelo de Monterrei ou natural coa gran riqueza de augas minerais e mananciais herdados da época dourada do termalismo. Un completo despregue de información para que a súa ruta por Monterrei manteña en todo momento esa fusión da terra e as súas xentes cun viño de calidade inmellorable.